martes, 26 de marzo de 2013

CASTRO DE ELVIÑA



O día 14 de marzo visitamos o Castro de Elviña os alumnos de 4º.
Que molladura pillamos!
Antes, na clase, informámonos sobre os castros. Soubemos que eran un tipo de poboados amurallados da Idade do Ferro. Os que vivían alí chamábanse castrexos. En Galicia hai aproximadmente 3.000, pero só están escavados uns 50 castros.
Nas construcións da Idade de Ferro, a planta era circular ou ovalada; na época dos romanos, era cadrada ou rectangular, pois así aproveitaban mellor o espazo.
A parte superior do castro chámase “croa”, cara abaixo están as vivendas rodeadas de murallas ou foxos.
O Castro de Elviña, que ten 3 Ha, érguese nun outeiro, o que facilita a visibilidade e a defensa.

Os castrexos querían ver e ser vistos por poboados amigos, xa que así avisábanse do perigo con sinais de fume.
No Castro de Elviña hai 3 murallas, que se cre que foron facendo segundo ía aumentando a poboación; aínda que outras teorías din que eses engadidos (os antecastros) eran para animais e hortos.
Fóra da primeira muralla hai 3 fornos, nos que os arqueólogos atoparon cinzas. Neles facían ferramentas e armas, utilizando moldes de pedra (fouces, coitelos, espadas, lanzas….).
Na entrada do castro vimos dous torreóns e escaleiras empedradas.
A muralla mide, nalgún tramo, 4 m de alto e 4 m de ancho.
O piso da vivenda era de barro. Os muros facíanse de pallabarro e cun poste de madeira no centro para suxeitar o teito, que era de palla.
A lareira estaba no centro. O lume servía para quentarse e tamén para dar luz. Ademais, o fume facía unha capa impermeable no teito que impedía o paso da auga da chuvia.
Tamén tiñan poios, bancos de pedra para sentarse e camastros feitos de pallas e follas secas.
Para almacenar a auga facían os “alxibes”, unha especie de pozos con escaleiras por un lado; no caso do Castro de Elviña ten escaleiras polos dous lados.
Os arqueólogos tamén acharon, agachadas nunha parede, moitas alfaias preciosas (torques, colares, broches, diademas…), o que se coñece como o tesouro de Elviña  e que se conserva no Castelo de San Antón, actual Museo Arqueolóxico.
O Castro de Elviña foi declarado Monumento Histórico Artístico no ano 1962.


No hay comentarios:

Publicar un comentario