Ola, son Paulo, un neno de 8 anos e vouvos contar o que me pasou o ano pasado.
Faltaba pouco para que viñesen os Reis Magos. Soubeno porque risquei os días no calendario.
Así, chegou a noite máxica na que se ía realizar o meu soño marabilloso: a Noite de Reis.
Primeiro fun co meu pai ver a cabalgata. Diante de nós había un señor tan gordo e tan alto que tapaba toda a rúa como se fose unha muralla.
Papá colleume a carranchapernas , así vía moito mellor, pero apareciu María e non quixen que me atopase así, a cabaliño; eu non era un cativo.
- Báixame, báixame! – pedinlle ao meu pai.
- Queres mexar? – preguntoume.
- Non, é que prefiro estar de pé – contesteille eu.
De repente a xente empezou a empuxar, as panxoliñas soaban cada vez máis preto.
Cando se achegaba Melchor, coa súa barba tan longa, berrei moi forte:
- Melchor, aquííí, aquííí!
Saudoume coa man e sorriu, movendo a boca. Entendinlle o que me dixera!
- Tranquilo, Paulo. Terás o teu scalextric!
Mirei cara ao outro lado e alí viña Gaspar. Botaba caramelos ó aire. Berreille, pero había tanto rebumbio que non me oiu; foi unha mágoa.
Pero aínda quedaba Baltasar, o Rei Negro!, o meu preferido. Pasou tan cerca… Ergueu do seu trono e saudoume.
Cheguei á casa tan excitado que non era quen de cear.
- Polo menos bebe un pouco de leite – dixo papá.
Fun para o meu cuarto e metinme na cama. Non quería que me dese o sono. Necesitaba estar esperto cando viñeran: darlles apertas, bicos…
Ao día seguinte erguinme moi cedo.
Prendín a luz, sentei na cama e… alí estaba o regalo! Un paquete xigante envolto cun papel de osiños! O meu scalextric!
Rachei o papel axiña. Apareceu unha mochila, un pantalón, un xersei e dous pares de calcetíns.
Apertei a boca e respirei con forza.
Á mamá e ao papá non lles dixen nada. A culpa non era deles!
Pecheime no meu cuarto. Non quería chorar e non chorei.
Púxenme a escribir, con toda a miña rabia, a carta máis longa da miña vida e enchina de riscos adrede.
Xa non sodes Reis Magos nin nada. Non entendo cómo sodes tan malos e tan parvos. Nos comercios da miña rúa aínda quedan scalextrics. Fostes ben burros e xa non vos vou querer nunca.
Traballei moitísimo, fixen todas as tarefas da escola sen borranchóns gordos, recollín todos os días a mesa e sequei os pratos…
Sabedes unha cousa? Vou mexar por fóra do váter, vou tirar o leite polo vertedoiro…
E sabedes que máis? Nin sequera me parecedes guapos…
Melchor, tés a barba tan feas que se parece ás labras do meu lapis.
Gaspar, debes estar medio chosco, eu facíache sinais coas mans e ti botabas caramelos para o outro lado.
E ti Baltasar, es un porcallán; na cabalgata levabas a camisa toda manchada de negro.
Que pensades? Credes que se pasa ben obedecendo sempre? Pois non!
Eu só pedín unha cousa e non ma trouxestes.
Adeus Reis Parvos, xa non vos quero.
Paulo
P.D.
Chupade! Papá acaba de ler esta carta e díxome que non me preocupe, que mañá vaime mercar o scalextric e ademais mamá e papá hanme contar un segredo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario