domingo, 18 de noviembre de 2012

CHEGA O SAMAÍN



BEPO E A CABAZA






E
ste é un neno que se chama Roberto.

Cando era pequeño, súa nai levábao con ela ao mercado e ás veces preguntábanlle cal era o seu nome. Entón Roberto, que aínda non falaba ben, dicía: “Bepo”. Dende aquela todo o mundo o coñecía por ese nome.

Bepo era un neno alegre e agarimoso, pero era mal estudante. En Matemáticas se o mestre lle preguntaba: cantas son dúas máis tres? Bepo respondía o primeiro que lle viña á cabeza. En Xeografía o asunto non melloraba moito. En Historia pensaba que o rei de bastos era o monarca dun antigo reino chamado Bastos.

Cando tivo o primeiro exame, Bepo non acertou nin unha pregunta. Daquela, o mestre púxolle unas orellas de burro e deulle unha cabaza. Os seus pais enfadáronse moito co el. Primeiro pensaron en preparar unha crema de cabaza pero logo decidiron colocala nun andel na habitación de Bepo, para que a vise tódolos días e así recordase que tiña que estudar máis.



Pasaron unhas semanas e estaba chegando a festa do Samaín. Na súa escola organizaron un concurso de cabazas.

Bepo decidiu usar a cabaza que lle deran por suspender o exame. Colleu un coitelo e cortou un círculo arredor do rabiño para baleirala de pebidas, que unha vez secas as comía coma se fosen pipas de xirasol.

Logo recortou dous triángulos para os ollos, un triángulo para o nariz e por úlltomo fixo un corte en forma de serra para a boca. Aquilo resultou unha chapuza, pois o ollo esquerdo era máis grande que o dereito, o nariz víase torcido...

A cabaza cando se viu, díxolle a Bepo que non a levara ao concurso do colexio porque non quería que as demais a visen tan fea.

Pero pouco a pouco deixou de preocuparlle o seu aspecto externo e, aproveitando que estaba baleira, empezou a meter libros dentro e converteuse nunha cabaza moi culta.

  
Agora axudáballe a Bepo cos deberes e pola noite contáballe contos. Cando os contos eran de medo colocába unha candea acesa dentro e así o conto aínda daba máis medo.

Unha tarde, a cabaza díxolle a Bepo que enterrara unha pebida no xardín pois quería ter un fillo. Bepo fixo o que lle pediu a cabaza e ao pouco saiu un brote que medrou, medrou… e botou unha flor.


Desta flor naceu unha cabaciña con dous cortes en forma de triángulo a modo de ollos, outro corte tamén en forma de triángulo a modo de nariz e un corte en forma de serra a modo de boca.

Era unha cabaza tan bonita!

Bepo quedou pampo do ben feita que era e entón, tivo unha idea: “vouna levar ao concurso de cabazas do colexio”.

Cando o xurado viu a cabaza de Bepo deulle o primeiro premio e todos aplaudiron moito e berrábanlle: Bravo, Bravo, Bepo!

A nai da cabaza, que tamén asistiu, chorou de emoción. Chorou máis polo ollo esquerdo que polo dereito, porque Bepo fixéralle o ollo esquerdo máis grande que o dereito.


                                  
FIN
 

VISITAMOS O PLANETARIO: CONSTELACIÓNS, HORÓSCOPOS...
















                            
   


 

ASÍ VEMOS O OUTONO OS ALUMNOS DE 4º